Mostrar mensagens com a etiqueta falan de nós. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta falan de nós. Mostrar todas as mensagens

14.5.16

Entrevista na TVG

Entrevista na Revista da TVG sobre pograma de radio 'Grandes voces do noso mundo' cos seus presentadores e a vicedirectora do IES Perdouro de Burela.

Así comezou o espazo informativo:
"Estamos a venres, así que esta tarde, xa cara ao serán, temos unha cita coas 'Grandes voces do noso mundo'. Pode que non lles soe a algúns de vostedes, pero na Mariña de Lugo seguro que saben de que estou falando. Trátase dun programa de radio que xa se converteu en imprescindible para moitos oíntes. E hoxe nós temos aquí dúas desas grandes voces, Marco Pereira e Helena Valle, director e presentadores; xunto con Karina Parga, que é vicedirectora do IES Perdouro de Burela." 

Para ver a entrevista, pica na seguinte ligazón: A Revista 13/05/16

2.5.16

Entrevístannos na prensa escrita


Marco Pereira Oliveira, Helena Valle García e Cristina Ramudo foron entrevistados polo Susana L. Montes, xornalista do Progreso sobre o seu programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo que se emite todos os venres de 19h a 20h en Radio Burela.

Aquí tedes o resultado desta magnifica entrevista:

Helena Valle y Marco Pereira, durante la emisión de su último programa.

A vida de Marco Pereira Oliveira, un mozo de 22 anos cego de nacemento, non foi un camiño de rosas, aínda que na actualidade atravesa quizais polo seu mellor momento e non dubida en confesar que é feliz. Os seus novos amigos e os seus proxectos de futuro, que pasan por estudar Xornalismo, ten boa culpa do seu bo estado de ánimo, ao que sen dúbida contribúe o éxito do programa ‘Grandes voces do noso mundo’, que cada venres presenta en Radio Burela xunto á súa compañeira do IES Perdouro Helena Valle.

A paixón pola radio vénlle de neno. "Sempre me acompañou, porque é un medio moi descritivo", explica, mentres rememora que os seus primeiros primeiros pasos foron no instituto de Xove, localidade na que reside, "gravabamos no recreo, porque non podiamos emitir en directo", di.

Un intento que se tornou en realidade cando puido facer o seu propio programa en Radio Valadouro, ‘Grandes voces’. "Adicábamos cada programa a un músico ou un grupo", recorda o mozo, que puido repetir experiencia este ano na emisora burelense, da man de Matías Nicieza co que traballou no Valadouro, onde a radio xa non emite.

O programa actual busca promocionar a artistas de raíces galegas e, ademais de dar a coñecer a súa música, fan unha entrevista en directo con algún cantante que, á súa vez, recomenda a outro artista, o que lles permitiu importantes descubrimentos. 
Marco manéxase á perfección co WhatsApp e en redes sociais
Os guións elabóraos Marco, que conta coa incondicional axuda de Cristina Ramudo, a súa profesora de Pedagoxía Terapéutica desde que empezou secundaria e que se converteu "nos meus ollos" durante a última década, como lle gusta dicir a Marco. A docente encárgase de pasar a braillie os guións, do mesmo xeito que fai cos apuntamentos de clase, e o primeiro que chama a atención son a cantidade de follas que ocupa na linguaxe deseñada para persoas cegas. "Por dúas follas que teño eu, Marco igual ten dez", conta Helena Val, que participa con el nos programas desde a súa primeira emisión, o 22 de xaneiro.

Un primeiro directo que foi un "bonito desastre", recordan entre risas, pois aínda que ambos tiñan experiencia –Helena ten outro programa na mesma emisora– coordinarse non foi fácil, porque a lectura en braillie é máis lenta. "Tocáballe non brazo para avisalo de que tiña que falar e axudábaoo se sw perdía co guion", recorda Helena, que é un auténtico bulebule de actividade e converteuse na compañeira perfecta para Marco, moito máis tranquilo.

Os nervios, logo de catorce programas celebrados o pasado venres, permitiron unha perfecta sincronización, que se dá tamén fora do estudo e Helena converteuse nunha das mellores amigas de Marco.

NON SEN O SEU MÓVIL. A moza recorda que ao principio pensaba todo o que lle dicía, por medo a incomodalo, "pero un día atrevinme a preguntarlle" e logo dese primeiro por que viñeron moitos outros, que consolidaron a súa amizade. "Non hai nada dA miña vida que Helena non saiba", afirma o raparigo, quen se manexa á perfección coas redes sociais e ten unha impresionante soltura co WhatsApp.

Marco non esconde que tivo unha infancia "dura", ao non lograr integrarse co resto de nenos e quedar fóra dos seus xogos. "Gustáballes o fútbol e a Playstation, así que imaxínate", di. 
Marco: "os libros, aínda que os haxa en braille, non pagan a pena, porque aparte do custo poden chegar a ser 18 volumes dunha soa materia"
Unha soidade á que se viu forzado polo feito ademais de que se negaba a aceptar a súa enfermidade e soñaba con que un día podería ver. Non foi ata a adolescencia, como recorda Ramudo, en que foi plenamente consciente e iso foi un punto de inflexión para mellor, aínda que aínda se atopa coa intransixencia de moitos. "Hai xente que me di por que non poño lentes e iso é só porque lles molesta verme", conta, ao que Cris Ramudo replica de inmediato que "hai xente que ve, pero que é cega".

Tras acabar o Bacharelato, que cursou en San Cibrao, matriculouse este curso no Ciclo Superior de Administración e Finanza no instituto burelense, uns estudos que "creo poden abrirme as portas para ou mundo laboral", aínda que o seu soño pasa por ser xornalista, unha carreira que xa está a cursar un amigo en Santiago e que lle mantén ao día. "Xa lle digo que me garde os apuntes para que Cris os vaia pasando a braille porque vaille levar un mundo", di nunha chiscadela á súa profe, consciente do esforzo que supón para ela pasarlle os textos de clase. "Os libros, aínda que os haxa en braille, non pagan a pena, porque aparte do custo poden chegar a ser 18 volumes dunha soa materia", recorda.

Ademais dos apuntamentos, os exames adáptanse á súa discapacidade. "A verdade é que estou moi orgulloso de todos", asevera Marco, a quen a única pega que pon ao centro é a súa accesibilidade, que lle obriga a ter que usar o bastón, "a miña arma" a miúdo.

No Perdouro tamén están encantados co entusiasmo de Marco, quen é incluso un revulsivo para outros alumnos, que se contaxiaron do seu esforzo para aplicarse nos seus estudos. "É algo bidireccional", comentan desde o centro, onde están implicados un gran número de profesores e alumnos. Entre estes últimos está Mónica Palacios, que se encarga do blogue do programa de radio, unha actividade que se enmarca dentro do Programa Burela que se desenvolve desde o centro para fomentar o uso do galego en todas as facetas da vida.

13.4.16

Acto de presentación do Programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo, de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle García

Na biblioteca do Instituto Perdouro celebramos o acto de presentación do Programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo, de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle García, ambos alumnos do IES Perdouro de Burela.

En antena desde o 22 de xaneiro de 2016 en Radio Burela, o programa musical dedicado ás grandes voces da música cantada nos países de raíz galega chegará nesta semana a completar a súa primeira ducia de emisións. Ademais da selección musical, o programa emitido os venres entre as 7 e as 8 da tarde ten unha sección dedicada á conversa sobre a música. Na primeira das emisións o entrevistado foi o profesor Manolo Maseda Deán, acordeonista e voz dos Diplomáticos de Monte Alto, impulsor da Festa da Marosa e actualmente director do instituto de Baio. Nos seguintes programas, participaron en vivo e en directo grandes artistas como Miro Casavella, María do Ceo ou Xurxo Souto.
En cada unha das emisións, Marco Pereirra de Oliveira, alumno de Ciclo Superior de Administración e Finanza do centro burelao, está acompañado nos estudios de Radio Burela por Helena Valle García, alumna de bacharelato, que lle axuda no manexo do guión escrito en braille e que o acompaña na locución. Moi pendente da emisión está tamén Mónica Palacios Ferreira, que se ocupa todas as semanas de manter informada a audiencia a través do blogue Grandes Voces do noso Mundo que ela mesma deseñou.
Este programa musical dirixido polo mozo invidente ten xa unha audiencia moi fiel, distribuída por moitos lugares do mundo (Portugal, Cabo Verde, Francia, Reino Unido, Estados Unidos, etc.), e está apoiado por diversos docentes que traballaron con Marco no colexio Pedro Caselles e no Instituto Illa de Sarón, de Xove; no IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; e na propia ONCE.
Ademais de por Helena Valle e Mónica Palacios, Marco Pereira estivo acompañado por Karina Parga, Vicedirectora do centro; María Jesús Permuy, profesora orientadora; Dolores Otero, profesora de Música; Belén López, coordinadora da área de innovación educativa; e por Cristina Ramudo, a profesora de Pedagoxía Terapéutica a quen el chama "os meus ollos" (porque ela se ocupa diariamente de transformar os materiais docentes para o sistema braille e ao mesmo tempo orienta o estudo do mozo cego).