27.11.16

GUADI GALEGO

Programa 33



Guadi Galego é a protagonista do Deixe Falar desta semana. Coas preguntas de Marco e Silvera achegámonos a esta artista nada en Cedeira. Di que quedou a cabalo entre o rural e a cidade, e que dende que estaba nesa vila, sempre se mantivo vinculada a diferentes grupos... No 2007 foi o grande salto con Berrogüetto e agora, "O mundo está parado", o seu novo disco, é a súa metáfora persoal do mundo actual. Quedamos coa súa fermosa música para pararnos a pensar cada día máis na nosa estrepitosa vida, e quedamos coas súas palabras, que tanto nos transmitiron, para aprender moito máis sobre esta grande voz do noso mundo...


20.11.16

FRED MARTINS

Programa 32

"Lá no fundo da miña alma viaxeira tiña un lugar para ti", cantaba Narf. As nosas almas agora seguen a andaina polo mundo da música sempre cun oco para este grande artista, co que comezou esta nova entrega de Grandes Voces do Noso Mundo.

E vagando polas nosas terras, marchamos a Lisboa, onde nos agardaba Fred Martins, un artista galego-luso-brasileiro, nada menos! Dende Niterói, comezou a desfrutar da música pola radio, e logo dos 12 anos, comezou a namorar "pra sempre", di, deste mundo tan fermoso.

Conversamos da súa formación, do seu descubrimento da Galiza, do seu primeiro disco, e de milleiros de sorpresas máis. Todo isto, como non, da man dos nosos estimados Marco e Silvera!


13.11.16

JOSEFA FERNÁNDEZ

Programa 31

"Estou entre un Oliveira e unha Oliveira", dice Karina ao comezar este trixésimo primeiro programa. Silvera Vicente de Oliveira acompañou desta vez a singladura pola nosa música, aportando máis multiculturalidade, se cabe, ao programa. Isto por que? Porque Silvera naceu na illa de Santiago, en Cabo Verde, aínda que tivemos a sorte de que chegara, xa hai un tempo, a vivir á nosa Burela.

Coa versión de Xoan Eiriz e a canción titulada "Aleluia" recordamos a figura de Leonard Cohen, ao que despedimos neste día... Mais con Josefa Fernández, de Lulavai, volvemos recuperar o sorriso. Con ela achegámonos á viveza de catro mulleres que se xuntaron no ano 2008 para formar un precioso cuarteto de arpas.

Josefa Fernández explicounos o significado do nome do grupo, a súa relación con Sondeseu, como conseguir a súa música, como levan a cabo as composicións, e moito máis, sen esquecer tampouco as referencias ás súas outras compañeiras: Lorena Reinaldo, Paula Oanes e Elena Paz.

6.11.16

ARCADIO NÓVOA

Programa 30

"Os amigos dos músicos" é unha banda formada por amigos, di Arcadio Nóvoa, o guitarrista, case rindo. Marco e Karina falaron esta semana con el para coñecer máis sobre ese novo proxecto e para preguntarlle sobre o disco que acaban de gravar.

Jaime Mateo, Raúl Diz, Daniel Alonso "neno Elliott", Druso Pedrouzo e Álvaro Rivera compoñen esa formación. Como representante de todos eles, Arcadio falounos da súa música, das súas cancións, das súas influencias, das súas colaboracións, etc., e como non, doutras grandes voces do noso mundo.

1.11.16

SARA GIL

Programa 29

Imaxe da entrevista a Sara Gil no programa de Marco Pereira

Bernardo Penabade

"O programa nº 29 coincide no día 28 de outubro, o do meu aniversario. A ver que sorpresa me preparades". Así nos dixo Marco e nós pensamos en falar con Sara Gil, que nos deu todas as facilidades.

Chegado o día e feitas as presentacións, Marco e Karina puxeron a andar o programa dos afectos: primeiro en contacto con Conceição Oliveira, despois co "Deixe Falar"; e, máis tarde, na conversa con Cristina Ramudo, a pedagoga terapeuta que lle abriu a Marco as portas do mundo e que aínda se ocupa de llas axudar a franquear día a día.
A través do voluntariado universitario, Sara Gil traballou -como colaboradora- no Womex, a feira das músicas do mundo celebrada en Santiago de Compostela durante a segunda semana de outubro de 2016. Apoiándose no testemuño da convidada, o director do programa quixo facer crónica  do evento e conseguiuno. En pouco máis de dez minutos, coñecemos o elenco de artistas que pasaron por esta edición celebrada na capital galega; e recollemos as impresións da colaboradora tanto no referido ao  ambiente das exposicións como con respecto á calidade dos concertos.
Como é habitual, a entrevistada fixo media ducia de recomendacións de grandes voces do noso mundo. Foi o momento de falar, entre outros solistas e grupos, da fadista Gisela João e da brasileira Anelis Assumpção.